Ao meu bufo

Cando estou ao teu carón estabilízase o meu mundo
e sinto a mente en branco, silencio absoluto,
sinto que me atopo nun pozo profundo
e escuro,
sinto que perdo todos eses segundos,
á vez que eu só busco
ese único lugar que ocupo
preto dos teus músculos,
das túas mans que xunto
coas miñas, ao mesmo tempo que diminúo
en tamaño, que articulo
os vocábulos máis estúpidos,
á miña mente culpo
pois non me podo permitir o luxo
de expresar aquilo que desexo, inmundo.
Salvaxes son os pensamentos que teño sobre o teu busto,
imaxínoo espido, penso que o recubro
coa miña pel, co meu corpo miúdo.
É tan absurdo!
Ti tan cativo, inexperto, sen algún rumbo
aparente ao que dirixirte, seguro
que me aventuro
ao dicir que estás cheo dun orgullo
que te queima o pulsos,
que te queima todo o teu sangue nun mísero minuto.
Pero que ridículo o que procuro,
contarte en palabras o que non puiden no crepúsculo
ao querer mostrarte neses bicos nos que difundo
os meus sentimentos mediante algún aloumiño ou ben corrupto
ou ben súbito.
Só promulgo
nun pretensioso conxuro
que pretende ser un poema, pero non triunfo,
así que asumo
que non é máis que unha canción ao meu bufo.

Comentarios

Publicacións populares