Vítimas propiciatorias

O acoso escolar, o bullying.
Resulta tan superfluo falar del, tan hipócrita é falar sen saber realmente o que acontece, sen chegar a comprendelo na súa totalidade, tan vergoñoso que sexa un tabú para os alumnos máis pequenos, tan indignante que pretendan aprender a adolescentes cunha mentalidade xa practicamente madura, adulta, medrada, cuxo cerebro xa mutou; xa non somos esponxas, xa non podemos modificar a nosa conducta, os nosos desexos, xa non podemos cambiar o modo de pensar, de ver a vida, de como comprendela.
Resulta alarmante a elevada cifra de “vítimas propiciatorias”, que se agochan, pensan que pechar os ollos, deixar de respirar, é a mellor forma, a única maneira de conseguir por fin ao seu sufrimento constante, eterno, sufrimento inadecuado, sádico, que soñan con desaparecer do medio do camiño dunha vez por todas.
Resulta patético que os profesores miren para outro lado, mentres que un alumno está a ser maltratado, humillado, ferido de por vida con cicatrices das que endexamais logrará desfacerse, borralas, facelas desaparecer ou ignorar, ás que mirará cada día da súa existencia, aprendendo a vivir con esas lembranzas, de tal xeito que iso será o que vexan cando observen o seu reflexo no espello.
Ollos maltratados, coas pálpebras pechadas, rexeitando as bágoas, pois xa están secos de tanto chorar; boca apertada, silenciada, rexeitando as palabras, os berros, pois a gorxa xa está irritada; mans apresadas, atadas unha á outra, completamente unidas, paradas, pois xa non teñen forza de apartarse; pés xuntos, quietos, pegados ao chan por algunha substancia pegañosa da que xa non pretende desfacerse, pois xa non teñen forzas de tirar de si, de andar e correr, de bulir lonxe.
Mais é que xa non serán eles, senón unha imaxe asustada deles mesmos.

(Estas palabras saíron da indignación e impotencia ao ler o texto dun dos exames de lingua castelá de selectividade, a opción B do setembro de 2014: http://ciug.gal/docs/probas/2014/PAU_2014_Lingua_Castela.pdf)

Comentarios

Publicacións populares