Ansiedade
A ansiedade aumentaba, notaba como o seu corpo se enchía de frustación mesturada co noxo, co odio. As mans pechábanse, formando puños, apretando as unllas contra a palma; simultaneamente, as pálpebras baixaban de forma brusca, precipitándose ao baleiro abrupto que remataba na liña de auga, xuntando ambas ringleiras de pestañas, ata que parecera ser unha soa. A boca formaba unha liña recta, apertada, unha liña recta que se desfacía por menos dun segundo debido a espasmos agasallados pola rabia acumulada que pregaba a berros poder saír daalgunha forma posíbel, dalgún xeito que non fora aquel ao que acostumaba, dalgunha maneira que non tivera relación co sangue. A mandíbula resultaba dorida a causa de apertar os dentes. Respiraba profundamente, controlando mentalmente as inspiracións e as expiracións, contando cada unha delas; o aire entraba e saía forte; desexaba que non entrara, idea que intentaba botar da súa mente. Non quería decatarse do que acontecía naquela estancia, quería bulir lonxe, mais sentíase obrigado a manterse parado, a aparentar que non pasaba nada, a ocupar aquel lugar imposto pola sociedade.
Comentarios
Publicar un comentario