Co tempo

Co tempo volveuse máis calada, as súas palabras quedaron retidas na súa mente, retumbando unha e outra vez sen cesar, creando unha sensación amarga que apagaba as súas constancias vitais.

Co tempo as súas noites fixéronse máis longas á causa daqueles pensamentos agachados, rebotando, buscando algunha vía de escape, creando un potente estado de insomnio no que só existían esas ideas.

Co tempo as súas feridas volvéronse máis grandes, convertíronse en profundas branquias que permitían a súa vida, aínda que dun xeito diferente, sendo empregadas como ese billete ao país das marabillas.

Co tempo as súas mangas volvéronse máis longas, tapando cada centímetro da súa pálida e delicada pel, cubrindo aquelas branquias, eses salvavidas que posuía en brazos e, en ocasións, pernas.

Co tempo as súas comidas volvéronse máis pequenas, sen chegar a aportar os nutrientes e vitaminas na cantidade que o organismo precisaba para o seu óptimo funcionamento.

Co tempo o seu corpo ficou máis delgado, notáronselle as costelas e a columna vertebral, os omóplatos e a pelve, facendo da pel unha delgada funda protectora dos ósos, pois xa non se podía dicir dela que posuíse algún tipo de masa muscular.

Co tempo a súa música que brotaba estrepitosamente a través dos cables dos auriculares que poñía nos seus oídos volveuse no substituto ás branquias, facía que os pensamentos deixaran de rebotar entre as paredes do cerebro durante o período de tempo que durase a canción.

Co tempo a súa vida rematou por extinguirse como a chama dunha candela que fica nese intre no que o vento decide soprar, sen aviso previo, máis forte que de costumbre.

Co tempo ela desapareceu, e ninguén o notou.

Comentarios

Publicacións populares