Dous brancos cairos (versión I)
Coma unha estatua de pedra, coma unha boneca de trapo, como
un mesmo ser inerte que nunca posuíra de consciencia, que xamais se lembraría o
seu nome, as súas fazañas. Facía xa
tempo que o meu corazón deixara de latir, de bombear o sangue escarlata brillante
a través das venas, pois xa non existía sangue. Facía xa tempo que non conducía
hormonas, nutrientes ou mesmo osíxeno, tan imprescindibles para a vida. Pálida
pel, branca como o papel, coma a neve, e fría, sobre todo fría. A miña
temperatura corporal atopábase nunhas dimensións das que non tiña consciencia,
das que non me lembraba; unha experiencia totalmente nova, completamente
descoñecida para min, da que non se podería volver cara atrás, nunca. A miña
existencia rematárase antes do previsto, antes, incluso, de que me dera conta.
Como en todas as historias, como en todos os contos e películas, a miña
existencia rematábase cun amor perdido, cun amor velenoso, posuidor dunha
lingua bífida e dous cairos longos e afiados, preparados e capacitados para
entrar na pel humana, aínda máis fráxil do que parecía; por desgraza, eses
cairos craváronse na miña pel. O seu veleno mesturárase co sangue, recorrendo
cada milímetro do meu corpo, debido aos latexos dun órgano agora parado. A
sensación embriagadora do veleno producía pracer, producía unha sensación que
espertaba cada unha de todas as miñas terminacións nerviosas; todo era unha
horrible mentira, nada diso fora verdade, só eran sentimentos inducidos por
algunha cobra de lingua bífida, que me
inxectara na pel algún veleno disfrazado de amor. O momento no que aquela
substancia ía gañando aos anticorpos, ía rompendo ao corazón en mil e un
anacos, tan paulatina e dolorosamente coma lle fora posíbel. Finalmente, o
corazón quedou durmido, morto, inerte, á espera de volver espertar. Non existía
antídoto para a enfermidade, nunca existira e nunca existiría; o único antídoto
coñecido ata agora tratárase che mordera outra cobra, volvendo todo a comezar
de novo, rematando todo coma sempre, coma unha estatua de pedra, coma unha
boneca de trapo, como un mesmo ser inerte que nunca posuíra de consciencia, que
xamais se lembraría o seu nome, as súas fazañas.
Comentarios
Publicar un comentario