Memorias dunha noite
Tarde caera a noite, como en todas
aquelas tardes de caloroso verán nas que non sopra o vento, nin sequera un
vento cálido e seco, eses dos que che rouban toda humidade do corpo, ata a máis
mínima. Unha lúa grande e prateada, fermosa e con ar embruxado, substituíra a
un sol aínda máis grande, mais posuidor dunha cor incriblemente cegadora. Que
dicir sobre o astro rei que non fora xa dito? Como poder describir a súa
importancia para a vida? Sen embargo, máis importante fora a nosa lúa, cómplice
de tantas historias xamais contadas, sabedora de tantos segredos nunca
revelados. Que dicir sobre o noso satélite? Como poder describir a súa
importancia para a vida? Toda a nosa historia contaba cunha lúa, unhas veces
máis pequena que noutras, pero sempre cun manto de fondo escuro, con
incontables estrelas bordadas, un manto que abrigaba a nosa existencia,
existencia que soamente nós coñeciamos, pois era unha existencia que formaba
parte desas historias xamais contadas, deses segredos nunca revelados. A
inocencia perdíase á vez que a infancia, logo da mocidade, xunto coa vida
enteira. Marchara có vento cálido e seco daquela noite dun caloroso verán no
que nós os dous fixerámonos cómplices. En ningún momento pensei que isto
chegara a pasar, mais sucedeu. Sempre pensei que estariamos xuntos, a pesar das
nosas carencias e necesidades. Pero agora estaba soa, soa coa miña
desesperación e chea de dúbidas e preguntas que nunca serían resoltas. Que
fixera eu para merecer isto? Por que razón non puidera gozar dunha vida? A pesar
dos meus sentimentos e debilidades, sempre fora unha persoa forte que non
necesitaba de ninguén, nunca souben o que era amor, ata que o coñecín.
Comentarios
Publicar un comentario