Silencio enxordecedor

“Estou na cafetaría”
Esas palabras marcaban a pantalla do teléfono móbil a lume, facendo imposíbel ver outra cousa que non fora aquela oración de suxeito omitido, aínda que quixera pensar noutra cousa que non fora nel.
Entrei na cafetaría, gardando aquel traste no peto, buscando nerviosamente coa mirada a aquela persoa que me mandara aquela mensaxe que lle facía ao meu corazón latexar máis á présa, bombeando máis sangue que nunca, facéndolle ao corpo entrar nunha sufocante calor, enganando ao cerebro, facéndolle querer suar para contraatacar ese averno. Alí estaba. Con mirada impasíbel, fría, aparentemente allea a todo o mundo que o rodeaba, noutra dimensión, aínda que iso era só algo aparente, xa que sabía, perfectamente, o que estaba a acontecer naquel antro.
Ao lonxe semellaba un anxo, un incríbel anxo de ás invisíbels, brancas, cheas de plumas, fortes, ben capacitas para voar.
Pero que estaba a dicir?
El non era máis que un chulo barato, un chulo de praia que tiña á súa disposición todas aquelas mulleres que el quixese, escollendo a que lle apetecera no momento que lle petara. El non era máis que outro deses desvergonzados cos que me topara na miña curta existencia; pero esta vez era diferente. Eu sabía mellor ca ninguén como el era, mais quería seguir con el, quería entrar no seu mundo, nese mundo que só os seus ollos verdes coñecían, quería ser partícipe de todas as súas historias, de todos os seus segredos.
Sorrín de maneira forzada a causa da timidez e das mans empapadas de suor.
-Ola Xes –conseguiron articular os meus beizos nun suspiro profundo, nun murmurio con intencións falidas de se tratar dunhas palabras posuidoras de carácter, prepotentes.
Pronunciou algún saúdo, correspondéndolle ao meu, facendo ademán de que eu sentara consigo.
Torpemente, sentei fronte del, agochando a testa, sen querer que vise as miñas meixelas ruborizadas ou os meus ollos asombrados daquilo que estaba a acontecer diante deles, sen poder facer nada. Notei como me contemplou en silencio durante un instante, sen emitir son algún, agás por aquel suspiro final que me chegou até a medula, recorrendo as costas nun acto de salvaxe rapidez, fabricando un breve averno xeado persoal, exclusivo. Rin ante a posibilidade de ser exclusiva. Ascendín a mirada, desafiando a miña exclusividade, aínda que fora polo pouco tempo que estariamos xuntos.
Non falamos moito; unicamente nos miramos, gardando un eterno e valioso silencio, facéndonos gardiáns dun importante tesouro maligno, un tesouro ao que moitas persoas lles tería gustado destruílo, rompelo en mil e un anacos, queimalo, aínda que a outros lles tería gustado collelo, gardalo, coidalo, amalo, empregalo coma un pequeno salvavidas ou un gran bote de emerxencia, ou, incluso, coma unha simple táboa de madeira que se atopa na deriva, na que te aferras na cima dunha onda có corazón nun puño e os pulmóns enchidos de auga salgada, desexando non afundirte naquel mar enfurecido, famento, salvaxe, agardando non finar de hipotermia, buscando alí unha pequena gota de esperanza que se esgota co paso do tempo, co paso dos segundos, que se esgota do corpo á vez que o tería feito a cordura, dando paso a unha arrepiante etapa de desesperación e cansazo.
-En que andarás a pensar.
Pronunciou estas palabras da mesma nada, semellaba telas fabricado, telas inventado, telas pensado o tempo suficiente coma para se decatar de non ser calquera tipo de palabras, calquera tipo de significado, un significado profundo aínda que sinxelo, reclamando a miña atención, facendo que o maligno tesouro bulise das miñas mans, sen eu pretendelo, fuxía; ao parecer, el era daquelas persoas que desexaban con toda a súa alma desfacerse da calma, do sosego, da paz do enxordecedor silencio.
-Non penso en nada en concreto –mentín, enganeille cunha mentira piadosa.
Os seus ollos, o seu sorriso, todo el. Atordábame con só pensar nel, pretendía gardar a calma, manter o control, agochar os impulsos do corpo, do corpo, só do corpo, xa que os meus eran correr, bulir, mentres que o corpo ansiaba permanecer ao seu carón, cada vez máis preto e máis preto, até non existir espazo entre nosoutros.
Por que querería fuxir del? Acaso non me atopa ben a gusto sentada nesa cadeira, enfronte del? Ou mellor dito: por que o corpo non quería fuxir del? Por que se quería acercar máis? Acaso non era unha situación do máis incómoda ou estúpida?

O tempo detíñase nos seus iris, nas súas pupilas, nas súas pestanas, pálpebras e cellas, no seu sorriso, nos seus rosados e anchos beizos, en todo el, na súa mirada, nas súas palabras ou incluso cando se atopaba no meu pensamento, na miña dimensión persoal e privada. Naquel momento decateime, dinme conta dalgo completamente impensábel, dunha macabra broma do destino: estaba namorada.

Comentarios

Publicacións populares