O camiño da vida
Os
ollos enchíanse de bágoas apartadas rapidamente co dorso das mans, bágoas
chegadas dende o máis profundo do meu ser, un ser dorido e maltratado. A pesar
diso, andaba con paso rápido e firme, completamente decidida e orgullosa do meu;
non ía fundirme por algo tan estúpido, por alguén tan estúpido. Co corazón
danado, só co corazón danado, aprendín a mellor lección, unha lección que non
se aprende nin nas mellores escolas; esta lección apréndese grazas a
experiencia vivida. Non me arrepinto de nin sequera un segundo do tempo que
odiei, pois antes de odiar, amei e quixen. Quixen unha vida chea de sorrisos e
agarimos, pero tamén desexei unha vida chea de bágoas, simplemente para saber
que nalgún momento estaba viva, pois o único modo de sabelo é sentirse morrer,
sentirse desaparecer do mundo como só
unha vida o pode facer. Quixen unha vida chea de risos e amparo, mais
tamén desexei unha vida chea de dor, pois non se aprecia o que se ten ata que
se perde. Apartei as bágoas co cello pregado e ar enfurecido a fume de carozo;
non ía deixar que eses fluídos dos meus ollos me impediran ver o meu camiño.
Inda quedaba moito del por andar, e non me quería perder nada del, nin unha
simple pedra do camiño que me fixera tropezar e poder ver o chan dende preto,
non ía permitir perderme todo o sendeiro que me esperaba só por unha pedra no
camiño coa que tropezara, pois estaría repleto delas. Caer, caería, por
suposto, pero me recuperaría da caída, limpando o po dos xeonllos mais as
bágoas. Co tempo aprendería a non tropezar coa pedra, pero no fondo sabía que
iso non ocorrería, pois todos caemos nalgún momento. O único que tiña claro era
que me erguería e que andaría con paso rápido e firme, completamente decidida e
orgullosa do meu.
Comentarios
Publicar un comentario