Dous brancos cairos (versión II)

Coma unha estatua de pedra, coma unha boneca de trapo, coma un mesmo ser inerte que nunca posuíra de consciencia, do que xamais se lembraría o seu nome, as súas fazañas.
Había xa moito tempo que o meu corazón deixara de latexar, de bombear o sangue escarlata brillante a través das arterias, capilares e veas. Había xa tempo que os glóbulos vermellos non transportaban osíxeno, que os glóbulos brancos non  defendían o meu organismo, pois o sangue xa estaba máis que parado no medio dun vaso sanguíneo, permitindo que as plaquetas gozasen coagulando esa substancia vermella na que se atopaban e se consumían neses precisos intres. Células mortas a causa da obstrución do camiño daqueles transportistas de osíxeno, nutrintes, hormonas ou mesmo substancias de refugallo desbotadas polas células, outorgábanmelle un ton máis que arrepiante.
Pálida e álxida pel, morada debido ao coagulado sangue, debido a vida que escapara sen previo aviso, deixando un derradeiro alento precedido por un calofrío que recorrera as miñas costas, as miñas entrañas, coma se se tratase dun estremecedor sopro de vento nunha noite de tardío inverno. A miña temperatura corporal atopábase nunhas dimensións das que non tiña consciencia, das que non lembraba; unha experiencia totalmente nova, completamente descoñecida para min, da que non se podería volver cara atrás. Nunca.
Dixeran de min que a miña existencia rematara antes do previsto, antes, incluso, de que eu me decatara. Rematara, como en tódalas historias, como en tódolos contos, cun amor velenoso, moi potente e mortífero, sobre todo mortífero, posuidor dunha serpeante e rosada lingua bífida e dous brancos cairos, longos e máis que afiados, perfectamente capacitados para entrar en calquera momento na pel humana, chegando así ás veas, vasos sanguíneos que transportan o sangue directamente cara o corazón, preparados cunhas válvulas impedindo o retroceso do mesmo líquido. Directamente cara o corazón
 Por desgraza, ese cairos craváronse en min, deixando dúas pequenas marcas alí onde estes dous cairos se abriron paso até chegar ás vías sanguíneas.
O veleno pronto se mesturou co sangue, percorrendo todo o meu corpo, facendo unha visita guiada por tódolos tecidos musculares e os tecidos que forman os órganos, por tódalas células; infectando o meu corpo como só un veleno o podería facer.
A sensación embriagadora inducida pola pezoña producía pracer, tanto como o facía en vida a poderosa proxesterona; producía unha sensación que espertaba cada unha das miñas terminacións nerviosas, facendo que o corpo reaccionara vertixinosamente ante calquera estímulo que presentara a miña realidade, unha realidade distorsionada polo tósido, xa que todo era unha mentira, nada diso fora real, só eran sentimentos inculcados por algunha cobra de lingua bífida que me inxectara na pel algún veleno disfrazado de amor.
O momento no que a substancia ía gañándolle aos leucocitos, o corazón ía rompendo en mil e un anacos, asasinando, progresivamente tódalas células que compoñían o miocardio, o gran músculo que a penas chegaba a optar o tamaño dun puño, pero máis que potente e forte; forte, até aquel intre no que todo cambiou.
Primeiro rompéronse os pequenos capilares, provocando pequenos derrames disfrazados de varices. Logo fixérono as venas e as arterias: primeiro as de menor tamaño; máis tarde o fixeron aquelas importantes.
Aínda podo lembrar de como quebrou a xugular. Aínda recordo a dor, a profunda cicatriz.
Aínda podo lembrar de como despedazaron a cava e a aorta. Aínda recordo o infarto que proseguiu á ruptura.
Novas intensidades de dor descubrira, novas magnitudes intensas e recias, insoportábeis, se foran comparadas cos sentimentos cos que acostumaba convivir.
A pesar de todo o sufrido, endexamais criticara aquela situación que estaba a vivir; disfrazada por un falso amor, por boas sensacións, a pesar de todo, eu era feliz.
Finalmente, o corazón quedou durmido, morto, inerte, á espera de volver espertar de novo, pois aínda conservaba esperanzas en volver espertar, en volver á vida. Anhelaba o seu traballo, a súa vida. Anhelaba actuar como bomba. El sabía que era considerado o máis forte e persuasivo, pois incluso o cerebro deixárase levar nalgún momento por el; razón da desgraza, razón pola que os cairos morderon a exquisita pel; ou así a definiu a cobra, famenta de carne fresca e nova por probar, para logo poder desbotar, como xa o fixera con anterioridade.
A cobra ía cambiando de aspecto e aparencia, de fala e de pensamentos. A cobra rotaba, era hóspede do primeiro corpo que vira ao seu carón. Non elixía, pois non tiña un dotado cerebro que actuaba por si mesmo, facendo oídos xordos ao corazón, posto que non tiña.
Tantas veces fixera oídos xordos ao que o ilusionado corazón dicía, deixándome influír pola razón, polo sentido común, mais deixeime levar, coma a idiota protagonista dos libros xuvenís que tanto triunfaron naqueles anos da miña curta existencia; curta, pero existencia.

Non existía antídoto para esta enfermidade, nunca existira e nunca existiría. Todo os días da historia de humanidade, algunha desgraciada adolescente falecía nas mans dalgún desvergoñado portador do animal de lingua bífida, rindo a causa dos seus danos cometidos, sentíndose orgulloso do seu asasinato. O único antídoto ata agora coñecido tratárase de que che mordera outra cobra posuidora de serpeante e rosada lingua bífida, de brancos cairos longos e afiados, volvendo todo a comezar, rematando todo coma sempre, coma unha estatua de pedra, coma unha boneca de trapo, coma un mesmo ser inerte que nunca posuíra de consciencia, do que xamais se lembraría o seu nome, as súas fazañas.

Comentarios

Publicacións populares