Probe mente idiota
Observaba o reloxo
pegado á branca parede, observábao sen pensar a penas noutra cousa que non fora
no seu son imaxinario; escoitaba o movemento das agullas por enriba do estrondo
que había na estancia, por enriba dos seus propios pensamentos e soños. Concentraba
a súa mente naquel movemento que debuxaba unha perfecta circunferencia,
contemplaba aquel pequeno movemento que ocorría cando a agulla paraba, cando o
eixo situado naquel anaco de plástico con números escritos na súa periferia
daba por rematado o segundo. Non se decataba do paso do tempo, non se decataba
de que eses segundos remataban en minutos, en horas, en días, de que ese
segundos condicionaban a súa vida. Soamente vía o obxecto, pero non era
consciente do que era, do que significaba, do que realmente simbolizaba: era
unha conta atrás.
Nunca pensara na
morte, xamais se pensa que é algo próximo, que é algo presente na vida de todo
ser, pois estamos malditos, encerrados neste mundo, tendo como único obxectivo
universal a morte.
A vida sempre
finaba do mesmo xeito, dando igual como fora a vida, quen fora o ser. A morte,
algo tan estendido, tan presente na vida, e á vez atopábase tan lonxe del; ou
iso cría o seu cerebro.
Respiraba tranquilamente,
inspirando con forza suficiente como para mover a súa fráxil caixa torácica,
como para encher os seus pulmóns inundados de sangue. Movía lentamente os
ombros cada vez que enchía o seu corpo, inconscientemente.
Podía ter decidido
deixar de respirar, rematar coa súa vida, darlle á morte ese pracer, esa
satisfacción de levar outra alma máis consigo, permitirlle ser, por fin, a
única gañadora deste xogo, pois a vida estaba trocada: só existía un vencedor. Mais
el non o sabía, deixábase enganar polos seus mentireiros ollos. Probe mente
idiota. Só podía observar o reloxo pegado á branca parede, observándoo sen
pensar a penas noutra cousa que non fora no seu son imaxinario, escoitando o movemento
das agullas por enriba do estrondo.
Comentarios
Publicar un comentario