Lazo de veludo

Semellaba un doce lazo de veludo, suave ao tacto, de cor indescriptíbel, brillante. Resultaba envolvente, ataba só co primeiro son pronunciado. Aroma doce, exquisito, saboroso, parecía feito de cítricos, de froitos ácidos, amargos, mais, aínda así, facía que se activaran todas e cada unha das súas terminacións nerviosas, deixando de manterse alerta, baixando a garda ante tal embriagador perfume. O lazo atábaa tan lentamente que lle era imposíbel decatarse daquilo. Sentíase como unha centola a cocer nun cazo, sentíase dentro dun marabilloso baño de augas termais, extravagantes, sentíase feliz de ter entrado naquela poza, mais isto non facía nada máis que conducila á súa perdición, a un belo averno privado, totalmente exclusivo; nada ansiaba máis que entrar naquel inferno, caer na tobo do coello para poder entrar, por fin, no País das marabillas, aínda que este país era completamente distinto ao que pertencía  Alicia. Atopábase nun mundo cheo de pracer, excitante, inundáballe a ledicia. Pechaba os ollos, as súas pálpebras baixaban de xeito inconsciente, acto reflexo, permitíalle ao lazo envolver todo o seu corpo, espertando as hormonas, permitía que aquel cárcere sentimental a mantivera suxeita, adormentada, deixaba que a matara lentamente; notaba como se rendía ante o veleno daqueles brancos cairos. Cría que esta cobra era diferente, cría que o seu veleno era o axeitado; ansiaba que aquela lingua bífida a ulira. Estaba totalmente envelenada,  a súa substancia tóxica xa fixera aquel famoso tour polas súas células, polo seu corazón, explorándoo todo por primeira vez, aínda que ela xa coñecía todo aquilo. Resucitara o seu corazón morto, fixera que volvera a sentir todo o que tiña tomado por imposíbel, inefábel. Neste caso, a cobra non precisara os seus cairos, nin a súa lingua bífida: o lazo de veludo era a súa nova arma, o seu novo método de contaxio. Sentía a enfermidade acariñar todo o seu corpo. Así soaba a voz da cobra.

Comentarios

Publicacións populares