Baleira
Síntome baleira.
Non atopo outro xeito de describir como me atopo, por máis que intento procurar
un termo que se lle asemelle o máis mínimo. Baleira. De todos os milleiros de
palabras que existen na miña lingua, só son capaz de empregar un adxectivo, pero,
valga a redundancia, penso que a palabra escollida está baleira. Como explicar
os niveis de ansiedade que suben e baixan, tendo unha vida propia independente
da miña? Como describir a depresión que volve aparecer de novo no meu corpo,
mente e alma, pero que marcha moitas veces, como se se tratase das ondas do
mar? Ou como contar nunha soa palabra todos estes pensamentos suicidas e de
soidade que acompañan ás enfermidades, todas esas noites de insomnio nas que
nin sequera unha autohipnose me pode axudar a conciliar o sono? Como dicir todo
o que sinto nunha única palabra? Pero, á vez, non sinto nada. A miña mente vaga
por todos os recunchos que quere, sen importarlle o máis mínimo se son lugares
inexistentes ou, pola contra, paisaxes ás que outras persoas poderían chegar. A
miña mente viaxa, e o meu corpo permanece quieto, orfo. O meu corpo queda
baleiro. Pero entón chega a mente da súa longa viaxe, acompañada de dúas
amigas: Ansiedade e Depresión. Á súa vez, estas compañeiras traen consigo os
pensamentos suicidas e de soidade, que tanto me atormentan nesas noites de
insomnio, papando teito, e entón, cando volven marchar, só cando volven
marchar, quedo baleira de novo, sen ser capaz de amar ou odiar. Claro que teño
bo sentido do humor, por suposto que río, pero iso non é suficiente para
atoparme “chea”, para sentir que hai algo no meu interior, pois non o hai, non
teño absolutamente nada que ofrecer aos demais, nada que ofrecerme a min mesma.
Que máis dará ter certo encanto? Nada disto pode superar a sensación de non ser
ninguén, de ter a certeza de non pertencer a este mundo, de non ter nin sequera
un oco nel. Así que si, síntome baleira, aínda que este termo non sexa o máis
adecuado, é o mellor que puiden ter atopado. Síntome máis que baleira.
Comentarios
Publicar un comentario